Monday 06 de May de 2024

A Xunta comparte a experiencia de SOGAMA coa Asociación para a Xestión de Residuos en Portugal


Sogama e Esgra abordaron cuestións vinculadas á innovación tecnolóxica ambiental, a dixitalización, a eficiencia e a loita contra o cambio climático a través da xestión sostible dos residuos municipais

A Xunta de Galicia compartiu a experiencia de Sogama coa Asociación para a xestión de residuos en Portugal (Esgra) durante a visita que os vicepresidentes da entidade, Cátia Borges e Carlos de Andrade Botelho, realizaron ao Complexo Medioambiental de Cerceda para coñecer a súa actividade industrial e o ámbito xeográfico no que leva a cabo o seu labor.

Durante a súa visita, mantiveron unha reunión co presidente de Sogama, Javier Domínguez, quen lles explicou o marco no que se xestou esta empresa pública, a súa permanente evolución ao longo dos seus 30 anos de existencia, os principais fitos da súa traxectoria, así como os proxectos actuais e de futuro, que estarán protagonizados en gran medida pola valorización da materia orgánica mediante a súa transformación en compost, configurando para isto unha rede de infraestruturas.

Esta rede, deseñada pola Xunta e cuxa execución corre a cargo de Sogama, contempla a construción de 3 novas plantas de biorresiduos, que se sumarán á que xa está operativa en Cerceda, e a adaptación de 13 plantas de transferencia que participarán no proceso transvasando a materia orgánica recollida de forma diferenciada nos municipios a través do contedor marrón. Con isto, a entidade propiciará que a maior parte dos concellos adheridos ao seu sistema -295- dispoñan dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 quilómetros.

Intercambio de coñecementos e boas prácticas
No transcurso da xuntanza abordáronse outras cuestións vinculadas á innovación tecnolóxica ambiental, a dixitalización, a eficiencia e a loita contra o cambio climático a través da correcta xestión dos residuos municipais. Así mesmo, analizaron as posibilidades da compostaxe e as bondades ambientais, económicas e sociais que trae consigo a autoxestión da materia orgánica en vivendas unifamiliares con terreo.

Tamén falaron da importancia que ten a educación ambiental da poboación, o maior esforzo que debe investirse en campañas de información e formación e, sobre todo, nas de concienciación cidadá, xa que unicamente desde a responsabilidade compartida poderá avanzarse cara a unha xestión máis intelixente dos refugallos.

Domínguez Lino fixo fincapé na importancia deste tipo de encontros co país veciño, “co que nos unen estreitos lazos culturais, xeográficos e, por suposto, ambientais, sendo a xestión sostible dos residuos municipais un ingrediente de peso para a protección ambiental, así como para a xeración de riqueza e emprego”.

Finalizada a reunión na que ambas as dúas partes tiveron a oportunidade de intercambiar coñecementos, experiencias e boas prácticas, os vicepresidentes de Esgra, acompañados por persoal da área técnica de Sogama, efectuaron un percorrido polas distintas plantas que conforman o Complexo Medioambiental, onde se separan os residuos por tipoloxías para propiciar o seu posterior reciclado, sometendo a valorización enerxética a parte non reciclable. De feito, Sogama xera o equivalente ao consumo enerxético do 12% dos fogares galegos.

Asociación para a xestión de residuos en Portugal
Esgra é unha asociación privada sen ánimo de lucro cuxa misión se orienta a promover os intereses dos seus membros no campo da xestión e tratamento de residuos, así como o seu desenvolvemento estratéxico, estendendo as súas competencias ao ámbito da investigación na conservación dos recursos.

Actualmente, esta asociación representa a 16 entidades, 14 das cales son Sistemas de Xestión de Residuos Urbanos (SGRU), no territorio peninsular e nas Rexións Autónomas de Azores e Madeira.